A Agricultura Ecolóxica é unha forma alternativa de enfocar a produción agraria baseada no respecto pola contorna que nos rodea, producindo alimentos sans e de máxima calidade, actualizando os coñecementos técnicos e científicos. Para acadar estes obxectivos aplícanse unha serie de técnicas que deben:
| • Estar integradas no agrosistema, de forma que non provoque impactos ambientais. |
| • Potenciar a fertilidade do solo e a capacidade produtiva garantindo a continuidade da produción agraria. |
| • Respectar os ciclos naturais dos cultivos e darlle aos animais unhas condicións de vida saudábel. |
| • Non engadirlle aos alimentos substancias que sexan prexudiciais para a saúde ou que mingüen o seu valor alimenticio. |
O consumidor actualmente pode adquirir os produtos de agricultura ecolóxica en diferentes puntos de venda; grandes superficies, asociacións de consumidores, tendas especializadas, etc. Procurando sempre a etiqueta identificativa do organismo de control correspondente e a referencia de cultivo ecolóxico. A falta dunha lexislación eficaz que identifique os alimentos transxénicos fai do aval de Agricultura Ecolóxica, a garantía máis fiábel de que un alimento non contén compoñentes manipulados xeneticamente.
A agricultura actual separouse tanto do medio, que se converteu nun dos seus peores inimigos. A xeneralización do uso de fertilizantes de síntese química provoca a degradación do solo, a auga e o ar.
A Agricultura Ecolóxica evita estes problemas ao empregar só produtos e métodos naturais. Tíraselle proveito ao potencial produtivo do solo, manténdoo como un sistema vivo e mellorando a súa fertilidade natural. Créanse sistemas equilibrados, con plantas fortes e sas, de forma que os propios procesos naturais e a resistencia dos cultivos sexan dabondo para evitar pragas e enfermidades.
O gando críase nun ambiente propio e natural, alimentándose de forma equilibrada. Así evítase recorrer ao uso de substancias ou técnicas que poidan danar o medio.
A Agricultura Ecolóxica precisa sistemas diversos, nos que a variedade de cultivos, as sebes, a herba ao pé dos froiteiros, os estercos verdes, a vexetación das marxes e ribadas… xeran ecosistemas ricos e de grande valor ambiental.
En definitiva, mantense un agro-ecosistema complexo e vital, relacionado intimamente coa natureza.
—————————————
Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia
www.craega.es
|